Un día en Sanxenxo
Nos 50 anos da primeira edición da miña novela Memorias dun neno labrego
recibo homenaxes, contesto entrevistas, asino exemplares do libro e
convídanme para encontros con estudantes. Este ir e vir abarca toda
Galicia. Manteño coloquios moi interesantes con rapazas e rapaces das
catro provincias. Converso cos profesores e con frecuencia cos alcaldes,
que soen achegarme o libro de visitas para que escriba algo, e algúns
entréganme o escudo municipal.
Para calquera autor estes xestos
colectivos son moi estimulantes, e máis coma neste caso por tratarse dun
libro publicado hai medio século. Esta vez foi en Sanxenxo. Un acto
entrañable. Organizouno o instituto local xunto co Concello e a libraría
Nós. Reuninme co alcalde e varios concelleiros. Recibín cordiais saúdos
de benvida. Estaba presente Francisco López Rodríguez, director xeral
do Libro, da Xunta. Dixen unhas palabras de gratitude e falei do aviador
Piñeiro que tiña sido alcalde naquel concello, e entregáronme unha
réplica do monumento que alí erixiron na súa memoria.
No auditorio
falei de libros, da emigración a América e da significación da lingua
galega. Mantiven un animado coloquio con estudantes. Algúns recibiron na
ocasión premios dun concurso literario. O acto presentárono e
amenizárono María Lado e Lucía Aldao.
O máis singular foi que
dende días antes mantiveron expostos 61 debuxos e 78 cartas dos
estudantes dirixidas a Balbino (o protagonista das Memorias) e a
min. Nenas e nenos manifestaron dese xeito a súa tenrura e
cordialidade. Pertencen ós CEIP de Magdalena, A Florida, Portonovo, e os
IES de Vilalonga e Sanxenxo. Coordinou todo a bibliotecaria Dolores
Tobío, que días despois me trouxo a Gres, encadernados, os testemuños
estudiantís expresados nesas cartas e debuxos. Un xesto de verdadeiros
amigos.
XOSÉ NEIRA VILAS
El Correo Gallego (11/12/2011)
María Lado, Lucía Aldao e Xosé Neira Vilas. 2010 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario